A frialdade dunha reseña enciclopédica non pode, por moito que queira, representar todo o que significou o encontro mútuo e recíproco dun país (Galicia) e unha figura da magnitude humana, política e artística do Zeca. E eu tiven a fortuna de asistir e participar desde moi perto neste encontro.
Cando na primavera do 72 me presentei na súa casa en Setúbal, non podía nin remotamente imaxinar o que viría despois. Aquel home, tan vixiado pola PIDE, era todo preguntas para saber algo do lugar do que procediamos. Naquel momento, Galicia era un mundo xeográficamente distante e culturalmente descoñecido para as persoas máis informadas ó Sul do Miño. A pesar disto, J.A. tiña na súa biblioteca un libro de poemas de Rosalía de Castro, Aires da Miña Terra que me mostrou aquel día. Pero non pasaba de aí o seu coñecemento sobre o noso país. De modo que non foi difícil convencer a un home curioso como el do bó que sería organizar algunha actuación súa en Galicia.
O 8 de maio canta en Ourense, o 9 en Lugo e o 10 en Santiago. Eu, que por indicación súa tiña ensaiado algúns temas (voces e guitarra) véxome atrapado pois os títulos que decide a última hora non son os mesmos e temos que ensaiar rapidamente. En Santiago, na Facultade de CC. Económicas, dá o que sería o seu primeiro recital individual diante dun público tan numeroso (máis de 3.000 persoas) e canta por primeira vez en público Grândola, vila morena quedando impresionado pola receptividade do público galego e repetirá ó longo dos anos que foi un dos mellores recitais da súa vida. Toma contacto coa literatura galega e séntese especialmente atraído polos poetas Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. A partir de entón non faltará á cita anual con Galicia. En marzo do 73 traendo consigo a J. J. Letría, Manuel Freire e Francisco Fanhais, e en vísperas do 25 de abril canta en Santiago, alleo ó que se aveciñaba.
Pero mentres, a súa actividade, que comparte conmigo durante dous anos, é constante: actuacións en toda a “margem sul” (Barreiro, Almada, Moita, Alhos Vedros, Zarilhos, Baixa da Banheira, son nomes que se entremezclan na miña memoria) e por outras partes do país (Setúbal, Porto, Coimbra, Mafra, Caldas da Raínha, etc) e de fóra (Asturias en varias ocasións, París e Madrid, onde graba o disco Eu vou ser como a toupeira en decembro do 72) En tódolos recitais que facíamos en Portugal (nos que nos acompañábamos mutuamente) sempre facía “pasar a gorra” pero nunca foi un tostão para el; sempre dicía que o salario do Arnaldo Trindade (a súa discográfica) con ser miserable, era constante e polo tanto tiña que ser eu quen cobrara. Á parte da actividade musical estaba a outra, a de apoio e ánimo a todo o que se movera en contra da incívica dictadura: hoxe podía ser o censo para as eleccións (sumamente perigoso se se ten en conta que había que facelo diante das “carrinhas” da PSP ou da GNR) nas portas das fábricas de Setúbal; mañán, visita a algún preso político en Caxías; outro día, aproveitar unha viaxe a París ou Londres e levar “canetas” grabadas con textos de auxilio para Amnistía Internacional.
E a súa cabeza sempre activa, compoñendo. Nunha viaxe entre Santiago e París foi O que faz falta. “–E, pá, para, pega na viola. ¿Onde está o gravador?. Assim, com ese acorde”. Ó chegarmos a París a canción xa existía. E outra vez para Portugal; ou para Galicia, facéndose sempre acompañar por músicos novos e distintos, abrindo portas e ventanas. Ata o verán do 79 en que fai a súa última actuación por terras galegas, no Parque de Castrelos de Vigo. Viña con Júlio Pereira.
Repercusión de J.A. en Galicia. O 31 de agosto de 1985 celebrouse nese mesmo escenario unha homenaxe co título de Galiza a José Afonso, organizada pola Federación de Asociacións Culturais e Xuventudes Musicais e patrocinado polo semanario A Nosa Terra, no que participaron numerosos músicos e cantores, galegos, portugueses, africanos e de Timor-Leste. Para aquela ocasión o propio Zeca enviou unha gravación na que dicía: “... Aproveito esta oportunidade para unha vez máis afirma-la minha grande amizade pola terra e o pobo galegos, cos que ó longo dos anos mantiven as mellores relacións, e para manifestar tamén a miña enteira solidariedade coa loita polo recoñecemento efectivo da lingua e cultura galegas como unha das máis ricas da península...”
Do 25 de abril ó 23 de maio de 1987 celebráronse moi diversos actos (conferencias, concertos, recitais, publicacións, etc.) en toda Galicia baixo o título xenérico de Enquanto há força, organizados por un grupo de amigos e amigas do Zeca. Milleiros de persoas asistiron ós actos e milleiros de nenos e nenas galegos traballaron nas súas escolas unha unidade didáctica, José Afonso, preparada ó efecto.
No mes de decembro de 1994 a exposición José Afonso, andarilho, poeta e cantor estivo presente no Colexio de Fonseca de Santiago. A mostra foi coorganizada pola Associação José Afonso, a Fundación 10 de Marzo e a Universidade de Santiago. Unha exposición máis reducida e co mesmo título circula desde entón polos centros de ensino de Galicia.
O 8 de maio de 1997 celebráronse unha serie de actos para conmemora-los 25 anos de Grândola, vila morena, e descubriuse unha placa conmemorativa polo alcalde de Santiago, Xerardo Estévez, no Auditorio de Galicia, no lugar onde estivera o escenario da estrea da emblemática canción. Ademais, a Banda Municipal de Música volveu interpreta-lo tema, xunto co público asistente ó acto de homenaxe que se celebrou, e a Facultade de CC. Económicas decidiu pórlle o nome de José Afonso á súa Aula Magna.
Son innumerables os músicos e cantores galegos que interpretaron ou interpretan directamente temas de Zeca Afonso ou que admiten ter bebido na súa obra como inspiración directa, ademais de min, como Bibiano, Uxía, os grupos Candieira, Luar na Lubre e un longo etcétera.
Repercusión de Galicia en J.A. Nada mellor que as súas propias palabras para defini-lo que sentía por este país: “Galicia é para min tamén unha especie de patria espiritual...” “Foi a experiencia máis marabillosa. Algo especial. Tal vez ninguén me entendeu como en Galicia.”
¿Por qué existe en Portugal ese silencio espeso, ese descoñecemento casi total sobre esta páxina tan importante dunha historia que xa é a de todos nós?.
Benedicto García Villar
Leave your comment
Enviar um comentário