Non sei ben, nin importa demasiado, cal das “sete fadas” estaba de garda para “fadarnos” daquel xeito, pero o feito é rigurosamente certo. Na mañán do 24 estaban os alumnos na aula de informática buscando informacións sobre o Zeca e o 25 de Abril para ler ó día seguinte na clase. Soa o teléfono e, do outro lado, a Lena Afonso, unha filla do noso amigo, que fai de “ponte” co Miguel Gouveia, colega responsable da páxine-e e do blog da A.J.A.
Día 25, mañá. Os alumnos van lendo o máis importante das “baixadas”. Conceptos como liberdade, democracia, dictadura, censura, guerra colonial, etc. van saíndo a escea. Van para a aula de plástica. Alí, mentres traballan, van saíndo notas inconfundibles: “Gândola, vila morena...” Pasan á aula de tecnoloxía. A profe proponlles formatea-lo texto da canción e inxerir un caravel previamente debuxado.
Tarde, A Coruña. O Colectivo Urbano Lugrís organiza un acto no que se esperan cancións e palabras de Miro, Mini e Mero e que eu fale e presente un audiovisual que levo preparado con documentos, fotos e gravacións inéditas. Xácome Santos teme pouca asistencia de público. Media hora antes da fixada para comezar o salón está case cheo. Ó pouco de comezar teñen que impedir que entre máis xente. A sáa está a reventar, ata con xente pola chan. Recupérase, entre todos, unha sintonía perdida hai tempo. E tantos vellos amigos re-encontrámonos e tantos descoñecidos deixan de selo alí.
Se queredes ter unha idea do que foi o clima, a calidez, a proximidade, do "espectáculo" da Coruña (é pena pero non temos imaxes de Santiago na NASA) encendede os altavoces e paseádevos por esta páxina:
http://www.colectivourbanolugris.org/actividades/25abril_06.php
Rápida volta, sen parar, para Santiago. Na NASA témo-lo último compromiso do día. Cando entramos está Uxía no escenario cantando suave, como a “lume manso”, tamén está Zeca Medeiros, cantor azoriano. Subimos a conta-lo encontro co Zeca e a cantar, con moitas ganas, a “Grândola”. Completa o cartel a “Banda das Crechas” que interpretan no seu xusto tono, o alegre, “As sete mulheres do Minho”. Alí quedaba festa para moito... Era abril.
Benedicto García Villar
Leave your comment
Enviar um comentário