Xa que andamos de nomes de rúas, estamos preparando un sistema informático para recoller desde o blog do editor deste semanario-e con toda comodidade as adhesións. Mentres, aqueles que queiran xa poden envia-la súa a este enderezo: polaesquerda@yahoo.es indicando no "Asunto" RÚA PARA O ZECA, para que non fagamos confusión aquí. Dentro, co voso nome chega (se queredes, tamén DNI e profesión e lugar de domicilio)
Nada contradí, faltaba máis! as outras iniciativas que poida haber ou que desde aquí tamén saíron, como a de JOSÉ VILLAR GRANJEL ou outras que poida haber.
Esta é a carta (que xa asinaron Uxía Senlle, Suso de Toro, Xesús Alonso Montero, Manolo Rivas, Xoán Guitián ou Benedicto García, estes últimos responsables de recolle-los apoios e "mobilizar" a quen fagha falta...
Estivemos vendo algunha das prazas que hai na zona do antigo "Burgo" e posiblemente pensemos en propoñer unha daquelas prazas tan acolledoras. ¿Que tal cunha peza de Acisclo que foi un dos que enchían a sáa do Ateneo de Ourense cando o Zeca deu o seu primeiro recital en Galicia, o 9 de maio de 1972? A quenon estaba nada mal?
Aquí tendes o texto da carta (que queremos vaia encabezada por Emilio Pérez Touriño, como Presidente da Xunta e amigo de José Afonso e Vicente Álvarez Areces, como Presidente do Principado de Asturias e amigo de José Afonso)
D. Xosé A. Sánchez Bugallo
Alcalde de Santiago de Compostela
Sr. Alcalde:
O pasado día 23 de febreiro cumpríronse 19 anos da morte en Setubal (Portugal) do artista portugués José Afonso. Músico, poeta e cantor, José Afonso acadou en tódalas súas actividades artísticas un nivel de calidade que o levou a ser considerado como unha das máis imprortantes figuras da música popular mundial.
José Afonso foi ademais un home solidario, un loitador incansable pola liberdade e un exemplo de compromiso cos máis desfavorecidos, mantendo ó longo da súa vida unha traxectoria éticamente exemplar.
José Afonso foi ademais un gran amigo de Galicia. Viaxou ó noso país en numerosas ocasións cantando en diversas cidades, entre elas Santiago, mantendo contactos con intelectuais e artistas e exercendo unha importante influencia na música galega. A súa presencia xenerosa en intres de enorme dificultade para o noso país foi unha lección de solidariedade que non podemos nin debemos esquecer.
Estes motivos abondarían para que José Afonso fora merecedor de respecto e admiración por parte de tódolos galegos. Pero José Afonso escolleu ademais a cidade de Santiago para interpretar por vez primeira en público con carácter de estrea mundial a súa canción “Grândola, vila morena”, no recital celebrado no Burgo das Nacións na tarde do 10 de maio de 1972. Esa canción converteríase, sen el sabelo nin pretendelo, dous anos máis tarde no sinal e símbolo da Revolución do 25 de abril, que derrubou á dictadura e devolveu a liberdade ó pobo portugués nun dos acontecementos máis fermosos da historia contemporánea.
A canción “Grándola, vila morena” e a figura de José Afonso representan pois os mellores anceios de liberdade, igualdade e fraternidade que aniñan nos corazóns de tódolos demócratas, sentimentos que temos a obriga de promover e defender.
Por estes motivos, considerando que a nosa cidade ten unha débeda de gratitude con José Afonso, dirixímonos a Vde. para solicitar que promova as accións necesarias a fin de que o Concello de Santiago adopte o acordo de dar o nome de José Afonso a unha rúa ou praza da cidade.
Os promotores e asinantes desta proposta queremos expresar ó Sr. Alcalde e ó Concello de Santiago a nosa vontade de colaborar nesta iniciativa na medida das nosas posibilidades, poñéndonos á total disposición das autoridades municipais.
Leave your comment
Enviar um comentário